Os Trabalinguas presentan... O Labirinto dos Soños

O Labirinto dos Soños é unha recreación escénica inspirada na obra multimedia do mesmo título que foi publicada en forma de CD-ROM por Grándola Nova. Escrita e dirixida por Pepe Sendón en colaboración co compositor Fran Pérez e o deseñador gráfico Fausto C. Isorna, é unha obra que investiga novos modos de contar historias por medio da música, a animación 3D e a interactividade en soporte dixital. Logo da publicación do CD-ROM en 2003, e sempre baixo a producción de Ramón Bermejo, de Grándola Nova, as aventuras de Ventura, o protagonista d'O Labirinto dos Soños, continúan na serie de televisión "Ventura na Illa de Hypnos", actualmente en producción e que será publicada próximamente en DVD.

Unha adaptación para teatro, con guión de Pepe Sendón, xa foi posta en escena con grande éxito en Portugal no ano 2003 pola compañía Trigo Limpo Teatro ACERT, con dirección de José Rui Martins. Chega agora a hora de achegar aos teatros, desta volta para os nenos e nenas galegos, un musical que recolla as oníricas aventuras e as moitas cancións que Ventura ten protagonizado no seu longo camiñar polo labirinto.

Unha montaxe do filme contido no CD-ROM O Labirinto dos Soños foi emitida en dúas ocasións pola TVG. Próximamente aparecerán xa nas pantallas os novos episodios de "Ventura na Illa de Hypnos", pero antes de que Ventura se convirta nun "famosete", queremos levalo de xira para que comparta con vós as súas cancións.

Vémonos nos teatros!

inicio

O Labirinto nos teatros

O formato
O Labirinto dos Soños é un musical de pequeno formato para todos os públicos, un espectáculo audiovisual especialmente dirixido ao público infantil (e particularmente á faixa que vai dos 6 aos 12 anos). A montaxe articúlase arredor de dous elementos escénicos: por unha banda, un grupo musical -reducido pero enormemente versátil- que se ocupa de contarnos un conto por medio das voces e a música, e por outra, a proxección de vídeos de animación 3D nos que, cunha grande riqueza gráfica, se recrea visualmente ese conto.
O resultado
é unha función trepidante na que ao longo de 50 minutos acompañamos unha aventura musical divertida e orixinal, con constantes cambios de estilo, e ao mesmo tempo intimista, xa que o tratamento acústico e interpretativo busca a complicidade e a proximidade co espectador, nunha posta en escena que, malia a súa novidade, non deixa de lembrarnos os primeiros pasos do cine, aqueles tempos nos que un pianista e unhas imaxes proxectadas sobre unha pantalla branca se encargaban de convocar a maxia nunha pequena sala escura.
Sinopse
Ventura era un neno que nunca quería ir durmir porque non sabía soñar. Ata que unha noite, lendo un libro de contos, adormeceu e entrou por primeira vez no mundo dos soños. Tanto lle gustou soñar, que empezou a soñar arreo, mesmo soñaba dentro do seu propio soño e claro, cando acordaba dun soño, aparecía dentro de outro, de maneira que acabou ensarillado no labirinto dos seus propios soños. Acompañando a Ventura nos seus soños musicais,  viviremos unha noite fantástica na que calquera cousa pode suceder no noso camiñar polo labirinto
inicio

Os intérpretes: OS TRABALINGUAS

Os tres músicos-intérpretes da obra son compañeiros musicais de longa data e membros da Psicofónica de Conxo

Pepe Sendón
É o director e principal impulsor do proxecto O Labirinto dos Soños, no que traballa tamén nas súas facetas de guionista, letrista e músico. Iniciouse no teatro musical como membro da compañía Chévere, en sociedade con Fran Pérez. Desa sociedade saíron títulos como Rio Bravo, Big Bang ou Annus Horribilis, entre outras produccións. Formou parte do equipo fundador da NASA, onde desempeñou varias funcións ata o ano 98. No teatro, ten colaborado tamén con outras compañías galegas (Cía de María, Mofa e Befa, Factoría Teatro, Artello, Sacana...) e especialmente coa portuguesa Trigo Limpo Teatro ACERT; na música, os seus últimos proxectos máis salientabeis son A Psicofónica de Conxo e NARF. Desde 2003 é membro da productora/editorial Grándola Nova.
Marcos Teira
É un dos guitarristas galegos máis recoñecidos e colaborador habitual das principais figuras da música galega. Logo de pasar por varios grupos, centra a súa formación na técnica de guitarra flamenca e forma o dúo Pimenteira con Xesús Pimentel. Na actualidade, ademáis de formar parte d'A Psicofónica e de NARF, dá concertos en solitario ou con Marcos Teira Cuarteto e tamén pertence ao grupo Marful. O seu último disco chámase Punta de Cabío.
Xavier Olite
Músico e técnico de son, ten colaborado tamén con Chévere, a NASA e outras compañías de teatro. É membro da Psicofónica de Conxo. En tandem con Antonio Vázquez, é o fundador de OTO produccións, unha unidade de producción musical con estudio propio, responsábel, entre outros proxectos, da gravación e edición das músicas d'O Labirinto dos Soños.
inicio

Ficha Técnica