ALFABETO MUSICAL é un espectáculo audiovisual deseñado para alumnado de INFANTIL E 1º CICLO DE PRIMARIA e pensado para facer nas ESCOLAS.
A partir do binomio LETRA / INSTRUMENTO MUSICAL faremos un percorrido polo abecedario deténdonos nos nomes dos instrumentos que empezan por cada unha das letras. Descubriremos instrumentos chegados de todos os recantos do mundo, veremos o seu nome escrito e a súa imaxe na pantalla, e escoitaremos o seu son característico, guiados polas sabias palabras do profesor Miopinski, que lle adicará un pequeno poema a cada instrumento e explicaranos como funciona.
Todo o mundo está esperando a última obra do compositor máis orixinal, pero a obra nunca chega. O gran Miopinski perdeu a inspiración e xa non ten ideas musicais, ata que un día decide buscar axuda no interior dun diccionario, coa esperanza de encontrar novos instrumentos e novas sonoridades para a súa obra. Explorará, letra por letra, todos os instrumentos posibles e así encontrará a inspiración para o seu traballo. Será capaz de compor unha música con todas as letras do alfabeto?
INFORMACIÓN TÉCNICA
Escrito e interpretado por Pepe Sendón.
Duración: 50 minutos.
O local debe ter as características dun salón de actos (escenario elevado), pero en función das necesidades ou do número de nenos, adaptarase a calquera espazo que as partes consideren aceptable. A ser posible no propio centro escolar.
O local debe estar equipado con:
- Proxector e pantalla de vídeo.
- Equipo de son adecuado ao local e 1 micrófono con soporte.
CONTRATACIÓN
Primeiro debe haber comunicación co/a responsable de novas tecnoloxías do colexio para confirmar as condicións técnicas.
Unha vez confirmadas, acórdanse local, data e horarios en forma de contrato, que será remitido polo artista e devolto debidamente asinado pola/o responsable do centro.
O prezo básico do espectáculo é de 303 euros (IVA incluido).
Se o colexio non dispón de todo o material técnico necesario, este pode ser aportado polo artista. Nalgún caso isto pode implicar un gasto que repercutiría no prezo final e sería acordado previamente.
